Sunday 12 de May de 2024

Educación rematará esta semana os traballos para dotar dunha cuberta o patio do colexio Ponte de Xubia, en Narón


A nova estrutura, que supuxo un investimento de 50.000 euros, estará lista para o seu uso desde o inicio do curso escolar 2015/2016, o vindeiro día 10

A Xunta de Galicia rematará esta semana as obras que está a levar a cabo no colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Ponte de Xubia, en Narón, para dotar dunha cuberta o patio escolar. Así o confirmou esta mañá a delegada territorial do Goberno galego na provincia, Belén do Campo, nunha visita ao centro.

Do Campo explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da xefatura territorial, destinou a esta actuación un orzamento de 50.000 euros. “Trátase dunha medida que foi consensuada coa comunidade escolar e que, sen dúbida, mellorará a resposta ás necesidades tanto dos 195 nenas e nenos matriculados este curso como dos docentes e o resto de persoal do centro”, indicou a máxima representante do Executivo autonómico na provincia. Ademais da instalación desta estrutura no patio, neste CEIP tamén se levaron a cabo nas últimas semanas outros traballos, como a instalación de acumuladores eléctricos nalgunhas aulas.

Neste municipio, segundo engadiu a delegada territorial, tamén se ven de actuar no instituto de Educación Secundaria (IES) Terra de Trasancos, onde se levou a cabo a reparación do bombeo do sistema de saneamento, cun investimento de máis de 7.000 euros.

Todos estes proxectos foron planificados para executarse durante o período non lectivo das vacacións de verán, co fin de non interferir na actividade académica e de que estean a punto para o inicio do novo curso escolar 2015/2016, o vindeiro día 10. “Desde o Goberno galego seguiremos a traballar para avanzar na adecuación das infraestruturas e no mantemento dunha educación pública de calidade, que se materializa, unha vez máis, na mellora das instalacións para o óptimo desenvolvemento da actividade lectiva”, concluíu Do Campo.

Durante a súa visita ao CEIP Ponte de Xubia, a delegada estivo acompañada polo alcalde de Narón, José Manuel Blanco, así como polo deputado autonómico, Hipólito Fariñas, o xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, e o director do centro, José Carlos Pena. Tamén asistiu o concelleiro e voceiro do grupo popular no concello, Miguel de Santiago.